Friday 03 de May de 2024

O Concello habilitou o segundo circuíto de calistenia da cidade no parque de Freixeiro


A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Servizos, Ibán Santalla, desprazáronse na tarde de onte ao parque de Freixeiro con motivo da apertura ao público do novo circuíto de calistenia da cidade, o segundo tralo construído no paseo da Gándara. Ferreiro recordou que se trata dun investimento que ronda os 22.000 euros “con cargo ao que se pon á disposición das veciñas e veciños un espazo no que practicar este método de adestramento físico no que se traballa co peso do corpo”.

O novo circuíto dispón de barras paralelas, escaleira horizontal, aneis, corda… e outros equipamentos “que se dirixen a un tipo de usuarias e usuarios moi específicos e para os que tamén queremos dende o goberno local habilitar eses espazos que precisan para eses adestramentos”.

Ferreiro avanzou que xa está reservado un investimento similar para construír o que será o terceiro circuíto de calistenia da cidade, que se ubicará no paseo marítimo de Xuvia, sumándose así a outros equipamentos deportivos localizados na zona como o parque biosaudable, a pista multideporte ou o Circuíto Vita. “No pleno do pasado mes de maio aprobamos unha habilitación de crédito na que se inclúe unha partida específica para o circuíto de calistenia de Xuvia, que será unha realidade moi axiña”, asegurou a alcaldesa.

A rexedora local destacou “o esforzo inversor que nos últimos anos realiza o goberno local para mellorar e incrementar os equipamentos deportivos na cidade, tratando de ofrecer instalacións axeitadas para as diferentes modalidades deportivas nas zonas, como neste caso, donde se prevé unha maior concurrencia de posibles usuarias e usuarios”.